|
Casas Rurais en Pontedeume, A Coruña.
Casa de Graña da Acea, unha casa rural con historia. 
Se a historia está ligada á escritura, aquela debería empezar en 1644. Antes desa data só contamos con imaxinación e fantasía, lenda... A partires desa data semella que nesta casa rural non se tiraba nada.
Desde entón até hoxe moitos anos pasaron, moitas substitucións xeracionais que culminan en algo que a Cosme e os demais devanceiros pareceríalles o mundo ao revés: mulleres donas da casa de Graña da Acea, e non unha senón tres. Así é que imos empezar a historia ao revés.
Casas rurais en Galicia con sorpresa: No verán de 2002 entramos as tres irmás Fernández Graña, na casa, que levaba uns dez anos deshabitada, con luvas nas mans e ganas de empezar o proceso de rehabilitación. O primeiro paso, a limpeza, foi unha fase dura e dorosa porque cada recuncho estaba cheo de cousas, e todas parecíannos entranabeis. Ante a dúbida de se "isto tírase ou non se tira?" ao final pesou máis a tradición, é dicir, "aquí non se tira nada".
A emoción medraba cando algunha das tres atopaba un novo papel ou documento e cantaba a data (1830, 1812, 1790!). Sentadas no piso arredor do achado liamos, con detalle ao principio, máis por enriba despois e, finalmente, ante a inxente tarefa, limitabámonos a sorprendermos e a apilalos para a súa posterior revisión (o que non perdoabamos era a lectura de cartas familiares, de amigos e de amores, algúns inconfesabeis). Os escritos máis antigos apareceron datados no século XVII. "Vivían aquí en 1644!", "Esta casa ten catro séculos!". Non dabamos creto.
Por que descoñeciamos ese pasado? Como é que non nos falaron de tanta historia?. O máis probable é que os nosos predecesores nin sequera tivesen noticia de todo isto, arrinconado no esquecemento. É posible que o século XX estivese marcado por dúas metades: a primeira florecente, inqueda, plena, e a segunda decadente, escura, de añoranza da anterior, que ficou marcada pola figura xovial do noso bisavó e os seus irmáns. Esa figura, respectada por todos, e dunha personalidade irresistible e esmagadora, Pedro, don Pedro, tío Pedro, Pedro Graña (P.G. nas sabas, cabeceiros das camas, na cristalería e na cubertería, nos panos e nos manteis, no ferro de marcar o gando...) exerceu tal magnetismo ao seu arredor, como alcalde e xuíz de paz e como paterfamilias, que a súa ausencia se deixou notar moito na casa.
Quedaba o noso avó, un destino empresarial truncado por unha morte prematura, e a súa nai, o contrapunto do seu marido Pedro cando este puña en marcha a gramola, segundo ecos que chegaron até nós, e celebraba banquetes de corenta persoas, na casa ou ao aire libre (fotos preciosas de reunións campestres con centros de flores brancas como os manteis e uns comensais, todos homes, moi traxeados de escuro e con longos bigotes). Francisco Paz-Amado, Cándido Lens, Mariano Gómez Ulla... quedaron inmortalizados nas láminas do debuxante Jesito, en perfecto estado de conservación.
Casa rural en Monfero chea de obxectos entranabeis:
Como a facenda chegara próspera a eses primeiros anos do século XX, semella que foi o momento do lecer e das inquedanzas intelectuais: libros, cadros, retratos, fotografías... entraron na casa en tanto que o exterior se vestiu de flores, camelias, sebes... Os seus habitantes facían estudos e prometían entrar na universidade, se non fose porque o destino apresurado truncou eses proxectos por causas non sempre alleas á guerra. Esa présa do destino acelerou o momento presente e aquí estamos, recoñecendo en cada obxecto entre as follas dalgún libro ("El coctelero europeo" por exemplo) as chiscadelas cómplices de tantas pantasmas familiares que sorrín, queremos crer que satisfeitas, ao ver a súa casa de labranza convertida nun paraíso de descanso e de novo frecuentada por tantos invitados.
Casa rural - Condado de Vigo, máis de 100 anos atrás:
Nove reis e unha raíña, Isabel II, desde 1900 até 1644, e nove xeracións de Graña da Acea, ou quizá máis:
1900, 18 de setembro, reinado de Alfonso XIII: Joaquín Tenreiro Montenegro e Parada, conde de Vigo vende por 575 pesetas a José Graña Sanmartín a pensión de 1 carneiro, 3 ferrados e medio de trigo e 3 acarretos? que supuñan o tributo anual polo arrendamento dalgunhas terras. Un historiado documento que pon fin á dependencia económica con ese señorío e que permite á familia Graña dá Acea agrupar unhas 6 hectáreas de propiedade. 
Pouco máis de cen anos ten unha transmisión de bens lexitimada tamén en tempos de Alfonso XIII con 50 céntimos de peseta que parece unha repartición de xoguetes vellos: "1 banco de castiñeiro, o seu valor 1 peseta... 1 manta usada de la do país, o seu valor 4 pesetas... 1 cobertor de la de Castela, o seu valor 7 pesetas... 1 camisa de lenzo e estopa, o seu valor 1 peseta... 1 vaca teixa de dez anos, o seu valor 90 pesetas... Outra vaca posta a aparcería, capitalizada en 125 pesetas.
Case 200 anos pasaron desde que Merexildo da Graña legaliza, previo pago de 51 maravedíes en selos reais de Fernando VII, un preito por mor dunha ponte que leva ao muíño fariñeiro en Ambroa.
Máis de 350 anos fai que Cosme da Graña e María, a súa muller, pagaron 10 maravedíes en papel timbrado para redactar esa preciosa descripción da casa coas súas dúas portas e tres xanelas de cantaría.... cociña e forno de cocer o pan… E corrían os tempos de Fernando VI.
Casa de Graña da Acea: Turismo rural con mulleres á fronte:
E aquí estamos. Rompeu unha longa tradición de homes no momento en que a propiedade pasou á nosa nai e dela a nós. Cosme da Graña, fai máis de trescentos anos, vería nisto o mundo ao revés, con todo, sorrí, queremos crer que satisfeito. Puxemos mimo e agarimo en cada papel, en cada imaxe, en cada moble ou obxecto rescatado do esquecemento e, a cambio, as amabeis pantasmas do pasado anímannos, coa súa enorme xenerosidade, e, asemade, co peso da transmisión que nos compromete a seguir coidando deste legado.
|